08/02/10

Vacas flacas para o naturalismo galego

Para as entidades naturalistas (e ambientalistas en xeral) galegas, Galicia aseméllase moito a un tremedal: sobrevivimos nun entorno onde os recursos son escasos. Somos auténticos especialistas en sobrevivir nun medio pobre en nutrintes.
Durante a lexislatura pasada, unha moi agardada e moi necesaria convocatoria de axudas para entidades medioambientais veu aportar, durante catro anos, un extra de nutrinte económico no panorama asociativo. Esto permitíu florecer a algunhas entidades que viñan reproducíndose vexetativamente, medrar un pouquiño a outras que se mantiñan pegadas ao substrato e, como non, tamén fixo aparecer asociacións ruderais e nitrófilas, que xermolaron a base de subvención e probablemente teñan unha vida curta.
O último cambio de goberno, non obstante, devolveunos á acostumada situación de pobreza de recursos. Á paralización (inexplicable e dunha legalidade incrible) da convocatoria en marcha en 2009 se sucedeu... a nada. Non só desapareceu dun plumazo a convocatoria de axudas a entidades ambientais, senón outras varias convocatorias relacionadas co eido asociativo e co eido ambiental, que os que traballamos desde o terceiro sector viñamos utilizando para facer unha laboura, cantas veces, máis efectiva e económica que a que pode facer a propia administración.
Por se fora pouco, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza depende agora de Medio Rural, polo que, de manterse a convocatoria de axudas para entidades medioambientais (convocada pola Secretaría Xeral), quizais as entidades que adicamos eses escasos fondos ao estudio e conservación do medio natural nos viramos apartados da convocatoria ou metidos en absurdos problemas de competencias entre consellerías (eses limbos administrativos!).
Así que só nos queda, como ás especies do xénero Drosera, esquecernos un pouco do substrato e tentar sobrevivir a base de oportunidades que veñen de fora, porque tampouco en Galicia existen convocatorias de entidades privadas para proxectos de conservación do medio natural (salvo excepcións como a convocatoria Patrimonio Vivo da Fundación Barrié de la Maza). E a esto engadiremos as dificultades impostas pola política de competencias autonómicas, que nos impide ás entidades de ámbito galego presentarnos ás axudas convocadas, por exemplo, polo ministerio de medio ambiente (as da Fundación Biodiversidad incluidas). Agardemos que nalgunha convocatoria de Caja Madrid, La Caixa, Caixa Catalunya ou algunha outra entidade privada de fora de Galicia poidamos apañar algúns fondos para seguir traballando polo coñecemento e conservación da nosa natureza. Mentres, non perdemos a esperanza de que, unha vez fusionadas as caixas galegas (se é que se fusionan), tamén lles entre a inquedanza conservacionista...

Read more...

04/01/10

Bo ano 2010

Desde Drosera desexámosvos un bo ano 2010 a todos.
Agardamos que sexa un ano cheo de iniciativas para o estudo e conservación do medio natural de Galicia!

Read more...

16/12/09

Un millón de morcegos!!

Esa é a cifra que se manexa de morcegos mortos polo Síndrome de Fuciño Branco (WNS, segundo as súas siglas en inglés). As causas desta mortalidade masiva que xa afecta a seis especies de morcegos en Norteamérica, e que trae de cabeza aos investigadores desde 2006, todavía non están claras. O medo agora é que se vexan afectadas as grandes colonias de hibernación do ameazado morcego de Indiana (Myotis sodalis) en Virginia.
Bat Conservation International mantén unha páxina con información sobre esta enfermidade. Se pode descargar aquí un pdf con algunhas preguntas básicas sobre a enfermidade, en castelán.
O que vai abaixo é a cartografía do avance da enfermidade. Inquedante.


Read more...

26/11/09

Buscamos estudante para proxecto de investigación!

Precisamos un/unha estudante de bioloxía (ou no seu defecto dalgunha carreira afín) para colaborar nun proxecto de investigación sobre nicho trófico en morcegos.
Estudiarase a dieta de diferentes especies de morcegos en Galicia a partir da análise de excrementos, para determinar o seu grao de especialización. Daráselle unha énfase especial ao estudio da dieta de especies crípticas.
Os interesados deben enviar un Curriculum Vitae e unha carta de motivación ó enderezo electrónico:

info@morcegosdegalicia.org

antes do 3 de decembro.

Existe a posibilidade de solicitar unha beca de Bat Conservation International para a persoa seleccionada.

Read more...

Sobre este blog

Este é o blog da asociación Drosera.

Arquivo

  © Blogger templates The Professional Template by Ourblogtemplates.com 2008

Back to TOP