26/6/07

Especies crípticas: novo reto para a faunística de morcegos en Galicia

Xa sabemos que a faunística dos morcegos galegos é un vello tema pendente, que iniciativas como o "Atlas de Morcegos da Provincia de Lugo" que está a desenvolver DROSERA, tentan saldar.

Entre os motivos da pouca información sobre a faunística de morcegos dispoñible no noso país está o feito de que algunhas especies non son de fácil identificación, o que unido á falta de especialistas neste grupo, dificultou até agora obter citas fiables dalgunhas especies.
Deste xeito, as especies do xénero Plecotus atópanse citadas a miúdo como Plecotus sp., ao igual que sucede cos Pipistrellus desde o recoñecemento de Pipistrellus pygmaeus. Outro grupo con citas dudosas é o dos Nyctalus, a miúdo confundidos entre sí e con Eptesicus serotinus polos non especialistas.
A estas especies de identifiación conflictiva véñense a sumar agora outras postas de manifesto mediante análise xenético.
Segundo estes traballos, o Myotis nattereri galego corresponde a unha linaxe diferenciada do europeo que, en España, se limita á franxa norte, e que está pendente de denominación específica; Myotis mystacina, citado por primeira vez hai apenas uns anos, convive probablemente cunha especie críptica, Myotis alcathoe; e Plecotus auritus podería englobar, en realidade, a dúas especies diferenciadas: o propio P. auritus e o orelludo dourado ibérico, P. begognae, até o de agora considerado unha subespecie do anterior.
O estudio da coroloxía destas especies precisa da confirmación, mediante análise molecular, da identificación específica, o que ven a supoñer unha dificultade e un reto para o desenvolvemento do estudio das especies de morcegos en Galicia.
É un tema de grande importancia tamén en conservación, pois a folla que recolle os requerimentos ecolóxicos, situacións poboacionais, tendencias, etc. destas especies no noso país está en branco.

Moito traballo queda, logo, por facer.

(Fotografía: á dereita Myotis mystacina; á esquerda probable M. alcathoe, pendente de confirmación. Val do Lóuzara. RXHL/DROSERA)

No hay comentarios: