![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEi2gryqu2wf0KZzJQTwdOraPizKZjxE2SkfM5nbeJ91IAVbh-gn-h7jJDJLy5AGkHyH6kANl2xXJwYCBrsnq55K0kC-21V5k7Foma2d7PBvwPsHNjWh44bxLyI92zHxbZNEUM6WjeUxWWM/s400/FTIP_10_Color+Vertical.jpg)
A Fundación Territori i Paisatge, pertencente á obra social de Caixa Catalunya, ven de conceder a Drosera unha axuda para o proxecto "Custodia de refuxios importantes para os morcegos en Galicia", co que se porá en marcha o programa de conservación de refuxios para morcegos que viñamos xestando en Drosera desde fai tempo.
Boa parte dos refuxios que utilizan os morcegos galegos están ligados á actividade humana: nuns casos porque as colonias utilizan inmobles como mosteiros, igrexas ou sobrados de casas; noutros porque o fan en bosques culturais, como os soutos; aínda noutros porque o uso dun refuxio non depende só das características físicas do mesmo, senón tamén da conservación de certos elementos do seu entorno.
O obxectivo deste proxecto é realizar un inventario de refuxios de morcegos en Galicia e utilizar as ferramentas que ofrece a custodia do territorio para acadar acordos cos propietarios dos inmobles ou dos terreos onde se ubiquen refuxios de interese, coa fin de garantir a súa conservación a medio prazo.
Se eres propietario ou coñeces algunha construcción que albergue unha colonia de morcegos podes escribirnos contándonolo e xuntos buscaremos o xeito de conservala.
No hay comentarios:
Publicar un comentario