3/2/14

Nova actualización do Atlas dos Morcegos de Galicia

O Atlas dos Morcegos de Galicia ven de actualizarse de novo con datos procedentes, principalmente, das campañas 2012-2013. O número de cuadrículas UTM 10x10 km que contan con información sobre a presencia de morcegos é xa moi importante e abrangue a maior parte do territorio galego.
Aínda que a información segue a ser deficiente para algunhas especies máis escasas ou difíciles de detectar (Myotis alcathoe, Myotis bechsteinii, Nyctalus lasiopterus) aumentase notablemente o coñecemento da distribución da maior parte das especies presentes en Galicia.
Destacamos o achádego de novas poboacións de Myotis alcathoe, Myotis cf nattereri (Myotis spA), Myotis mystacinus ou Nyctalus lasiopterus.
Engádense en total máis de catrocentas novas citas ao atlas. A calidade desta nova actualización foi posible grazas á colaboración de moitas persoas.
O avance realizado no estudo da composición da ensamblaxe de morcegos no sector máis oriental do Courel foi posible pola labor realizada polo equipo da Sociedade Holandesa de Mastozooloxía durante o "Summercamp 2012". Foi un pracer compartir con eles doce intensos días de campo, xunto con Paulo Barros, amigo e colaborador habitual, e que tivo unha parte importante de culpa na celebración deste campo de traballo científico na nosa terra.
Moitos colaboradores que contactaron con nós para facilitarnos a localización de refuxios ou o achádego de exemplares de morcegos, entre os que debemos destacar a Cosme Damián Romai e Sergio Paris (agora compañeiro de Drosera); Xosé Pardavila, de "Sorex, ecoloxía e medio ambiente", non dubidou en compartir os datos obtidos no interesante proxecto desenvolvido por esta empresa no P.N. Baixa Limia - Serra do Xurés. Nalgúns casos, foron propietarios de construccións utilizadas como refuxio polos morcegos os que nos facilitaron a recolección de datos. Grazas a todos eles polo seu interese e a súa sensibilidade.
Tamén temos que agradecer A Conservas Antonio Pérez Lafuente S.A. a colaboración económica prestada para sufragar os custes xerados polo traballo de campo.

Quixemos facer unha pequena presentación do Atlas para aqueles que nunca traballarades con el ou non coñezades a súa orixe e obxectivos. Agardamos que vos sexa de utilidade.

Este ano 2014 Drosera cumpre 10 anos! Grazas a todos os que compartíchedes tempo, esforzos e ilusións con nós durante este tempo. Sen dúbida é por eso que chegamos ata aquí. Ogallá poidamos celebrar con vos este aniversario como se merece.

Saudos,
Xunta Directiva de Drosera

No hay comentarios: