18/11/11

Ano Internacional dos Bosques 2011



O Ano Internacional dos Bosques debería servirnos, tamén, para reflexionar sobre algunhas cuestións que están incrustadas no subconsciente colectivo e que dificultan un achegamento holístico aos nosos bosques e á súa xestión. O primeiro que debemos ter en conta é que en Galicia non existen bosques primixenios e apenas bosques naturais antigos. As nosas formacións arbóreas máis antigas son as formacións culturais, como soutos, carballeiras e sobreirais, de gran valor ecolóxico e cultural. O abandono destas formacións non leva, como pode parecer a simple vista, a unha naturalización e a un aumento do seu valor ecolóxico, senón ao colapso dun sistema moi estable, que leva funcionando centos de anos, cunha flora e fauna asociada de gran interese, que tenden a desaparecer tras o abandono.
Moita da nosa masa forestal autóctona actual agromou como consecuencia do abandono doutros usos da terra no último século, dando lugar a formacións de gran beleza e, nalgúns casos, considerable extensión, pero de pouca edade, como sucede en boa parte das fragas do Eume ou da Marronda, por poñer dous casos ben coñecidos.
Estas formacións novas son moi atractivas para algunhas especies de morcegos. Tanto nos carballos como nas rebolas novos aparecen, frecuentemente, fendas lonxitudinais no toro que, ao ir cicatrizando crean uns ocos no seu interior moi querenciosos para algunhas especies forestais, como o morcego bigotudo anano, o morcego rateiro gris ou o orelludo dourado. O problema é que cando estas masas novas se manexan coa intención de acelerar o proceso de crecemento e "maduración" das mesmas, as árbores novas con fendas parecen ser as preferidas para prescindir delas. Como a da fotografía. Xusto esas árbores que tanto lle gustan aos morcegos.
E é que un bosque maduro non é aquel no que todas as árbores son grandes e vellas, senón aquel na que a dinámica do bosque se mantén dun xeito autónomo, para o que se precisa presenza de árbores grandes e vellas e tamén de árbores novas, fendidas e mortas.

No hay comentarios: