4/4/12

Lume nas Fragas do Eume

Onte a fraga da Pasada Vella lucía, a vista de páxaro, un enganoso aspecto de primaveral normalidade.
Un manto verde fosforito de follas recén agromadas. Dirixímonos alí para revisar o posible impacto do lume sobre as poboacións de morcegos. Na baixada pola estrada ata a central vella da Ventureira vemos como o lume arrasou as masas de eucaliptos que a rodeaban. Desde a Ventureira, o impacto sobre as ladeiras cubertas de fraga parece anecdótico. Comezamos a subir ata a antiga cámara de carga e comezamos a ver o impacto real do lume. Nas zonas altas con máis eucalipto, obvio, aplastante. Nas zonas de fraga, en cambio, o lume métese baixo o dosel arbóreo e arrasa o sotobosque sen que desde arriba se vexa xa máis que algún penacho de fume por aquí e por acolá. Ao chegar arriba, levántase a un par de metros un xoven xabarín aturdido, que sobe tambalenado pola ladeira chamuscada antes de que poidamos sacarche unha foto. Avanzamos polo muro da canle río arriba e a paisaxe vaise voltando máis e máis gris.
No corazón da fraga da Pasada Vella hai unha formación rochosa que os paisanos coñecen co nome da mesa dos morcegos. Quizais porque baixo a lousa que a cobre algunha vez viron morcegos refuxiados. Un lugar fantástico. Unhas das zonas das fragas escénicamente máis fermosas. Ecolóxicamente máis interesantes. Abundan as árbores vellas, medio mortas, fendidas, que tanto lles gustan aos morcegos. Agárrase a elas a "cabrita" (Davalia canariensis) un dos fentos relictos que acobilla as fragas. Alí capturamos por primeira vez, nunha mesma noite, hai anos, un Barbastella barbastellus e un Myotis spA. Non contabamos que ardera ese retazo fermoso de fraga. Pillounos de sorpresa. Nesta foto vese o que era e o que atopamos onte:

A Pasada vella é o corazón dunha das tres zonas prioritarias para a conservación dos morcegos que identificamos no informe de 2010. Non atopamos morcegos mortos e sí algún vivo. Alivio parcial. Pero o dano aos refuxios arbóreos e o empobrecemento desta fraga como hábitat de alimentación é evidente. Para quen estea interesado nesta primeira avaliación do impacto do lume sobre os morcegos, pódese descargar o informe AQUÍ.

E aquí deixamos unha galería de fotos da zona:




Na zona máis rochosa do canón o lume afectou moito menos. Lóxico, porque as pedras non arden. Alí a primavera seguía o seu curso coma se nada. As cabras - esoutro incendio calado que arrasa o sotobosque das fragas desde hai anos - brincaban polos penedos.

Voltando para a casa no coche, a locutora informa pola radio que a Xunta promete deixar a zona queimada como estaba. Agardamos que esto non queira dicir que se vai repoñer a masa de eucalipto causante de que o lume acadara as dimensións que acadou. Tamén prometen comezar inmediatamente os traballos de restauración, e agardamos - con temor fundado en múltiples experiencias anteriores - que esto non signifique que se van a facer precipitadamente, descordinadamente e con máis criterio político que técnico.
Foron moitos os políticos que estes días amosaron a súa dor pola agresión ao "noso patrimonio máis valioso" e acudiron a sacarse a foto co penacho de fume. Varios deles causantes no pasado e no presente de que o parque teña uns medios miserentos que impiden facer unha xestión axeitada do mesmo. Culpables de que as recomendacións técnicas para a conservación dos valores naturais do parque e as propostas de investigación non teñan cabida nuns orzamentos exiguos e enfocados á xestión do turismo. Culpables de que o parque non teña un PRUX 15 anos despois da súa declaración. Culpables dunha política forestal e de ordeación do territorio que fan de Galicia un lonxano oeste en materia de conservación do patrimonio natural.
Os espazos naturais impórtanlle á cidadanía. Quedou claro nas movilizacións, na invasión temática nas redes sociais, nas conversas na rúa destes días. Tomen nota, señores políticos. Os espazos naturais importan. Tamén en épocas de crise.

3 comentarios:

Cosme Damian Romai Cousido dijo...

Desalentador o do lume. Pero, de todos xeitos, ben que haxa estudos de campo como o voso, realizado en tempo récord, para avaliar o que realmente se perdeu co lume.

Ánimo e parabéns polo traballo,
Damián

Alexia del Río dijo...

Para todos os que amamos o medio moi triste ten que ser comprobar 'in situ' o verdadeiro alcance desta traxedia provocada unha vez máis pola man do home. Únome aos parabéns de Damián polo voso traballo. Grazas por axudar deste xeito e de moitos outros a que poidamos seguir disfrutando dos morcegos e dos seus hábitats.

Ánimo e grazas!

Drosera dijo...

Nos vindeiros días visitaremos algúns refuxios arbóreos utilizados por agrupacións de cría de Barbastella barbastellus en 2009, que están na zona queimada. Eso daranos unha idea máis precisa de como puido afectar o lume a esta e outras especies arborícolas...