Finaliza o verán, comeza o outono. Despois dunha accidentada - climatolóxicamente - época de cría, cos pequenos destetados e capaces de valerse por eles mesmos, a prioridade dos morcegos adultos céntrase no apareamento. ¿Apareamento nesta época? - preguntase moita xente - Pero, ¿canto lle dura o embarazo?
Hai truco: nas especies de zonas temperadas capaces de hibernar durante o inverno, a cópula prodúcese agora, nesta época, pero a fecundación ou a implantación do feto (segundo a especie) non se producirá ata a primavera. A femia garda no seu interior o esperma ou mantén latente o embrión ata que os días medran de novo, a temperatura aumenta e a fraga se enche de insectos.
Na meirande parte das especies de morcegos que temos por aquí dase unha segregación xeográfica por sexos durante a época de cría: ¡machos e femias poden chegar a amosar requerimentos ecolóxicos moi diferentes neste período! ¿Como se reencontran para os apareamentos?
A estratexia depende das especies. Outro día falaremos dos sitios swarming, lugares que durante anos deron quebradeiros de cabeza aos investigadores que tentaban descifrar o significado daquelas concentracións nocturnas de morcegos.
Hoxe falaremos dunha estratexia que parece aviar, pero neste caso é morceguil: os voos de canto. Así se denomina a contínua emisión de chamadas sociais durante o voo por parte dos machos dalgunhas especies nesta época, co obxectivo de atraer ás femias para o apareamento. Os voos de canto son característicos dalgunhas especies do xénero Nyctalus e Pipistrellus, mentres outras especies destes mesmos xéneros emiten as chamadas desde a comodidade da entrada do refuxio.
Nesta imaxen amosamos o sonograma dun voo de canto de Pipistrellus pipistrellus (o morcego común) grabado onte mesmo nos montes de Ourol.
As chamadas curtas, rondando os 50 Khz, emitidas aproximadamente cada 200 msg, corresponden aos sons emitidos para ecolocación. Os dous grupos de sons que aparecen cunha frecuencia de máxima enerxía en torno aos 20 Khz, son as chamadas sociais. Estas chamadas son emitidas durante todo o ano, pero acadan unha profusión inigualable durante esta época.
Quen desexe escoitar o voo de canto dos Pipistrellus non precisa dun equipo de ultrasóns: as chamadas sociais chegan a frecuencias por debaixo dos 16 Khz, frecuencias que a meirande parte das persoas de mediana edade e sen problemas de audición, poderán escoitar. Ademáis, como nesta época a profusión e a potencia das chamadas aumentan, os voos de canto fanse moi evidentes. Os machos soen rondar con estos voos os seus refuxios, como pode ser calquera construcción do rural: o tellado do adro dunha igrexa, unha palleira, calquera casa... Por suposto tamén están nas cidades, pero o ambiente urbán pode facer máis dificil escoitar o murmurio do voo de canto do morcego común.
3 comentarios:
Mui buena entrada!
A uns dias atrás quando estava capturando os chamamentos eram tantos que se fechasses os olhos não dirias que era de noite! Mais parecia uma manhã primaveril com os cantos dos pássaros!
Aperta
Jaja, sí, nesta época as hormonas se poñen polas nubes! Se é unha zona con Nyctalus aínda é maís evidente, pois emiten con máis potencia que os Pipistrellus!
RobertoX
Lo curioso es que se oían los leisleri (supuestamente machos), pero solamente capturé féminas.
Publicar un comentario