Dicía un teólogo catalán que "cada xeración debe ter o valor de afrontar os tempos nos que vive".
Entre outras cousas, o noso tempo é o da constante ameaza de degradación dos espazos naturais. Non acadamos aínda a "masa crítica" precisa para forzar un punto de inflexión na nosa desequilibrada relación co entorno natural.
A nosa administración, que en tales circunstancias debería dar tanto a lata coa conservación do patrimonio natural como a da coa protección do patrimonio cultural, parece aínda incapaz de exercer unha protección eficaz do territorio incluso nas zonas máis emblemáticas do país, como é a serra do Caurel.
Agora que parece que (¡por fin!) a montaña oriental galega vai contar cun parque natural, resulta que desde a Xunta non hai vontade, valor ou entendemento máis que para unha proposta de mínimos.
Podemos discutir sobre a eficacia das figuras de protección e a necesidade de implementar outras ferramentas de xestión da paisaxe (como a lei xeral de protección da paisaxe que se está a xestar, a custodia do territorio, potenciación da agricultura ecolóxica e a explotación forestal sostible, etc.), pero o certo é que, neste momento, todo o que non está nun parque natural en Galicia é territorio selvaxe, incluidos os tan queridos e tan pouco eficaces LICs. E o que está dentro, en fin, depende do caso.
SOS Caurel está a facer un gran esforzo por unir vontades en torno ao Caurel para esixir un parque natural digno. Un parque que protexa o que hai que protexer. Desde Drosera queremos aportar o noso gran a esta campaña, porque non se pode obviar o que é obvio, e porque queremos que a nosa xeración poida presentarse ante as xeracións futuras coa cabeza alta e dicir que fomos quen de preservar a diversidade biolóxica, paisaxística e cultural destas montañas, e entregárllela coma un valioso presente.
Se queres saber máis da campaña de SOS Caurel e de como podes botar unha man, pincha aqui.
Se non tes claro porque debes botar unha man, deixate caer polo Caurel unha fin de semana destas, coas botas e unha mochiliña. E despois falamos...
(foto: canteira no caurel / SOS Caurel)
No hay comentarios:
Publicar un comentario