Para as entidades naturalistas (e ambientalistas en xeral) galegas, Galicia aseméllase moito a un tremedal: sobrevivimos nun entorno onde os recursos son escasos. Somos auténticos especialistas en sobrevivir nun medio pobre en nutrintes.
Durante a lexislatura pasada, unha moi agardada e moi necesaria convocatoria de axudas para entidades medioambientais veu aportar, durante catro anos, un extra de nutrinte económico no panorama asociativo. Esto permitíu florecer a algunhas entidades que viñan reproducíndose vexetativamente, medrar un pouquiño a outras que se mantiñan pegadas ao substrato e, como non, tamén fixo aparecer asociacións ruderais e nitrófilas, que xermolaron a base de subvención e probablemente teñan unha vida curta.
O último cambio de goberno, non obstante, devolveunos á acostumada situación de pobreza de recursos. Á paralización (inexplicable e dunha legalidade incrible) da convocatoria en marcha en 2009 se sucedeu... a nada. Non só desapareceu dun plumazo a convocatoria de axudas a entidades ambientais, senón outras varias convocatorias relacionadas co eido asociativo e co eido ambiental, que os que traballamos desde o terceiro sector viñamos utilizando para facer unha laboura, cantas veces, máis efectiva e económica que a que pode facer a propia administración.
Por se fora pouco, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza depende agora de Medio Rural, polo que, de manterse a convocatoria de axudas para entidades medioambientais (convocada pola Secretaría Xeral), quizais as entidades que adicamos eses escasos fondos ao estudio e conservación do medio natural nos viramos apartados da convocatoria ou metidos en absurdos problemas de competencias entre consellerías (eses limbos administrativos!).
Así que só nos queda, como ás especies do xénero Drosera, esquecernos un pouco do substrato e tentar sobrevivir a base de oportunidades que veñen de fora, porque tampouco en Galicia existen convocatorias de entidades privadas para proxectos de conservación do medio natural (salvo excepcións como a convocatoria Patrimonio Vivo da Fundación Barrié de la Maza). E a esto engadiremos as dificultades impostas pola política de competencias autonómicas, que nos impide ás entidades de ámbito galego presentarnos ás axudas convocadas, por exemplo, polo ministerio de medio ambiente (as da Fundación Biodiversidad incluidas). Agardemos que nalgunha convocatoria de Caja Madrid, La Caixa, Caixa Catalunya ou algunha outra entidade privada de fora de Galicia poidamos apañar algúns fondos para seguir traballando polo coñecemento e conservación da nosa natureza. Mentres, non perdemos a esperanza de que, unha vez fusionadas as caixas galegas (se é que se fusionan), tamén lles entre a inquedanza conservacionista...
No hay comentarios:
Publicar un comentario