24/7/07
Refuxios para os morcegos
O refuxio é un elemento fundamental na vida dos morcegos. Neles non só descansan polo día, senón que hibernan, aparéanse, relaciónanse socialmente, crían...
A propia morfoloxía dos morcegos (cráneos aplanados, elementos de agarre, etc.) remite á importancia dos refuxios nas súas vidas.
As distintas especies teñen diferentes requerimentos en canto ao refuxio: poden ser fisurícolas-rupícolas, habitando en fendas de rochedos (estas especies adaptáronse moi ben á utilización de construcións humanas); arborícolas, utilizando buratos, fendas ou niños de pícidos en árbores; ou cavernícolas, habitando en covas (estas especies utilizan tamén minas e os sobrados de certos edificios).
Se algunhas especies, especialmente as fisurícolas, viron incrementado o número de refuxios aproveitando as construcións humanas, non pasou o mesmo coas arborícolas e as cavernícolas.
As primeiras, sofren a perda de árbores vellas que ofrecen fendas e buratos nos que refuxiarse. As segundas, sofren a desproteción das cavidades naturais, o peche inadecuado de minas e as obras de remodelación de vellos sobrados.
En Galicia non existe ningún tipo de protección efectiva en colonias de morcegos. Nin contamos con axudas para o mantemento das colonias antropófilas, nin se detén a perda de árbores vellas, nin se tomaron medidas de protección en cavidades. Nestas últimas, calquera pode aceder coas intencións que leve no peto e, así, atopamos, en cavidades que albergan importantes colonias de morcegos, desde restos de fogueiras até bolsas del piponazo (por non falar das agresións ao patrimonio xeomorfolóxico).
Non podemos presumir, no noso pais, de contar con planes de conservación de refuxios como os que levan adiante diversas organizacións noutras zonas do mundo (podes ver algunhas destas iniciativas nos enlaces da blog). Tamén por España adiante existen iniciativas de conservación de cavidades e colonias que habitan en edificios, auspiciadas por administracións autonómicas.
En Galicia témonos que poñer aínda as pilas en conservación, e ser capaces de desenvolver planes adaptados á nosa realidade (dispersión de hábitats e refuxios) para asegurar a continuidade das colonias existentes.
(Fotografía: RXHL/DROSERA. Myotis daubentonii en refuxio).
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario